18/10/10

DESCONTENTO MEDICO

Diante da farmacia topo un papel medio dobrado,medio engurrado no chan, que xa a simple vista se ve que son receitas. Entre dúbidas vótolle a man por si alguén as vai precisar, e ó desdobrar, desenrrugar, topo a imaxe que vos poño, Con dúas receitas grapadas, que sen embargo, non foron usadas para comprar os medicamentos, (se ve que diante da porta, de puro mosqueo tirou con todo). Dado que pon nomes, tanto de médico como de paciente, aínda que non os coñezo, por certo respeito, non os mostro.
Ata onde podo ler, o home queixouse de dor lumbar, e receitáronlle, Nolotil, ¡e Valium!, alo menos, é o que parece poñer. Chámame a atención, que lle deron a folla branca, cando a mín sempre me dan as outras dúas...
Non sei quen sería o descontento, pero está claro que agarrou un mosqueo dos finos.

15/10/10

EXHIBICIONISTA NA VILA

Nestes días un mozo de arredor dos 30 anos adicouso a ensinar as súas partes e masturbarse diante das nais e rapaces que acudían cada día ó parque infantil que está na praza do pobo, onde os taxistas. Parece ser que as veciñas pensaron nun primeiro intre que era un comercial, xa que viña nunha furgoneta, sen embargo empezaron a notar raro que o home aparecera todos os días, e se adicara a "esperar" aparentemente. O achegarse ó coche, o individuo estaba a "tocar a gaita", e non á de fol precisamente, dentro do coche, polo que hubo que avisar ás autoridades. Nun primeiro instante o mozo tentou fuxir pero foi detido para ser acusado de exhibicionista ante menores.

14/10/10

E TROUXONOS A LUZ

No ano 1900, abril, constitúese en España a S.G.G.E. (Sociedad General Gallega de Electricidad, que é FENOSA, dende 1955), cun capital de 2 millons de pts., que xa eran moitos  cartos para aquel entón. Era un feito a necesidade da electricidade para o bo funcionamento da empresa cerámica de Guisasola, na Fianteira e que era o pilar da industria da zona. Sen embargo foron outros pobos máis prósperos os que disfrutaron da luz antes, como Pontecesures, ou a propia Pontevedra, que tiña alumeado público dende 1888. Sería preciso a aparición dun coñecido inxeñeiro industrial, considerado filántropo pola súa multitude de proxectos: Era dono da empresa "La Hulla Blanca", empresa coa que foi solicitar permiso para levar a electricidade a Cuntis aproveitando o caudal do río Mesego, fundou un xornal no Val Miñor, participou na construcción do tranvía Vigo-Gondomar-Baiona, participou dunha fábrica de azúcre de remolacha, e ata estivo na ampliación do porto de Vilagarcía. Chamábase Laureano Salgado Rodríguez, nado en Caldas de Reis, (¡1847 +1930). Según se sabe, no 1903, empezou os trámites e solicitudes para colocar unha liña eléctrica de alta tensión entre Cambados e a Toxa, que sen embargo, non lle foi aprobada ata agosto do 1906, sendo él representante da S.G.G.E. 
Non puiden atopar unha data exacta, máis sábese que corría o ano 1911, e seguía habendo problemas para que lle concederan unha liña entre Cambados e Vilalonga. 
Compre dicir que tamén estivo no proxecto das fábricas de electricidade de Segade e no río Almofrei, primeiras en Galicia, polo que se pode dicir, que foi un precursor da riqueza hidroeléctrica galega.
IMAXE DA FIGURA EN HONRA DE LAUREANO, EN CALDAS.
Como curiosidade, dicir que foi quen creou a Virxe da Roca, de Baiona que fora pensada inicialmente como faro eléctrico (colgado nas mans da virxe) para os mariñeiros.


Colaboracións: Rocío Garrido Caramés, que foi que aportou a idea  e a primeira información para esta entrada. Grazas.

13/10/10

ANTES DE HABER COLEXIO EN VILALONGA...

Antes de construirse o colexio de Vilalonga, en 1967 (que foi cando se fixeron tamén o do Casal e o do Tombelo), todos os rapaces de Piñeiros, Rouxique, Piñeiros, Carballal, O Castro, Carballal, Iglesario, Laureiro, Tombelo e Revolta ían á mesma escola. Tanto ían os de 6 anos como os de 14. Falo da escola que deron en chamar do Pósito ou de Orientación Náutico-pesqueira. O local é onde, ata hai uns anos, estaba o restaurante Os Caseiros, diante do antigo cuartel de Noalla. O mestre era D. José Ramón, que era natural de Pontedeume e morreu este ano.

7/10/10

CELSO BUGALLO RETURNS

Novamente, o actor nacido en Vilalonga no 47, fai presencia. Achéganos a historia dunha peruana que coida dun home de certa idade que está encamado, Amador (Celso), que pasa o tempo a facer puzzles. Sen embargo ó pouco de empezar, Amador morre e a peruana non pode permitirse perder ese soldo. Unha película con certas dosis de humor. Estrénase mañá en toda españa: "Amador"...

Velaquí o que este gran actor nos conta.
http://www.farodevigo.es/sociedad-cultura/2010/10/05/postrado-cama-profundizar-vida/478392.html

5/10/10

DE ESTILO VISIGODO

¿Alguén sabía que según a "Asociación de Archiveros de la Iglesia en España", a nosa igrexa ten raíces de estilo Visigodo?. Así figura nos seus archivos. E no libro "XX Ruta Cicloturistica del Romanico internacional" de Rafael Fontoira Suris, dí que é dunha nave rectangular prolongada por unha sacristía. A nave ten tres arcos de medio punto sobre os que se apoia unha estructura moderna que antes era de madeira. O prebisterio cúbrese con bóveda de crucería e a sacristía con outra de cañón corrido. Por fóra, a nave ten cornisa en gola, e tres contrafuertes por lado. A fachada occidental ten unha porta acabada en arco de medio punto e enriba un frontón triangular que é soportado por dous pilares acanalados. No ápice, unha cruz. Nótase que é do s. XVII, o barroco compostelano, aínda non está moi arraigado.
Por certo, para ver tres dinteles que foron da igrexa teríamos que acercarnos ó Museo arqueolóxico de Pontevedra, que é quen dispón deles.                                                                       

IMAXE DE panoramio.com

4/10/10

A TELLEIRA DE NOYA

E velaquí vos deixo dúas bonitas imaxes da telleira do señor Noya, en Dena, a que se ve dende o "museo" Telleira que temos de adorno a carón do mar.
Eiquí non fixeron como o noso Concello, ¡eh?.




IMAXES ENVIADAS POR Albino Caneda

1/10/10

MAIS CEPAS LONXEVAS


Vilalonga ten historia lonxeva, e desto dan fé outras dúas cepas de viño que aquí vos traio. As dúas primeiras imaxes, son dunha cepa na entrada de Vilar (antes da pastelería), e ven a ser da variedade Corindo Tinto (que tan bén arrecenden ó pasar). Ten uns 60 anos e aínda así segue a dar uns 250 litros de viño, según me conta Rocío Garrido Caramés, que é a dona.
A terceira imaxe corresponde a outra cepa da mesma dona e variedade na zona de Gondar, e que ten uns 80 anos.