22/8/10

UNHA HOMENAXE MERECIDA

Todos os anos, o Concello concede a "Cebola de Ouro" a alguén local e outra para alguén foráneo. A persoa  local que este ano recibirá a "Cebola de Ouro", será D. José Manuel Hermida (natural de Tui), o antigo mestre co Colexio O Cruceiro, onde destacou, durante 26 anos polo seu valor como ser humano, e a súa valía como mestre, sempre apoiando e preocupado polo futuro dos seus alumnos, ás veces indo maís aló do que a profesión lle esixía. Tamén un apaixoado da papiroflexia, o seu maxín non tiña límites. Acostumaba ir ver un veciño da Costiña que é gran afeccionado ós paxaros de canto, e soía decirlle que pinta tiñan, ou que enfermidade podían ter.
Chegou buscando onde disfrutar do seu gusto por as aves e as niñadas (doou a colección ó colexio), sen faltar ó gusto da súa muller polo mar, e xa non se foi ata que unha cruel enfermidade nolo levou. Unha pena fonda que non lle deran ese premio cando podía tomalo entre as mans...
Estea onde estea, unha aperta.

NA IMAXE, D.JOSÉ M.HERMIDA, CON CAMISA BRANCA, EN TUI.

20/8/10

¡ VAIA TARIFA SE GASTA O CONCELLO !

En xunio, falando con uns amigos, comentamos que ó mercadillo de Vilalonga, quedábanlle catro días. Cada vez veñen menos postos, e vese máis desanxelado, máis cutre, para falar con claridade, e cada ai menos ganas de ir, como non sexa a coller froita. O dono de un dos postos, a quen coñezo por outras circunstancias, xa me dixo fai un par de semanas  que non tiña pensado vir máis. Que lle cobran 10€ cada martes, e que ese mercadiño non os vale, que non lle compensa. Eu quedeime algo fría porque me parece moito, así de entrada. O mercadillo acaba de empezar, é pequeno, e dende logo non é o centro de Sanxenxo, cobrarlles demasiado non é a maneira de sacalo adiante e facelo próspero. Ben puderon cobrar menos, e cando o mercadillo estivera máis consolidado, cobrar máis, que para eso os precios os poñen como e cando queren.
Pero cando de verdade quedei de pedra, foi onte, cando unha coñecida que vende nos postos da rúa en Portonovo, me di que tivo que "arrear" por poñelo... ¡¡ 4000 €!!. E eu pensei "+empleada, +mercancía". Para cantar o Arrechucho coas mans atadas... porque, haber, ou moito, moito, moito se vende neses chiringos (e a crise non é tal), ou eu non me explico. ¿¿CA-TRO MIL EU-ROS??. ¿E de verdade lle queda unha cantidade decente, limpa?. Eu xa fun 3 veces, eu non vexo que a xente se arremuiñe nos postos para comprar, de feito, paranse máis a comprar no de pastéis e no das filloas e no das patatas fritas  (a papatoria sempre vende), que en calquera outro. Concretamente, ai un de recordos de Galicia, que eu penso que non vende nada de nada.
E logo queixábanse os das tendas que é competencia desleal. Pois, non sei que vos diga, por ahí andarán á par. Claro que no verán e cando se vende máis, pero, de todos xeitos, moito do que ai nos postos, non o ai nas tendas de todo o ano e barato non lles sae o condenado posto...
 ¡ Catro mil euros !

19/8/10

UNHA VECIÑA CONTAME ...

Conta unha veciña, dende a memoria dos seus 90 anos, que alá polo ano 1955, cando os seus fillos empezaban a ir a escola (e casi nunca ían), existían certos oficios que aquí non se practicaban, como os meleiros, os afiadores, cesteiros e cañeiros. Viñan de Ourense, pasaban por a zona, paraban uns días, e logo íanse. Cando viñan, eran acollidos na súa casa, como se podía, dependendo do espazo. Lembra especialmente un meleiro que seu pai lle daba sempre permiso para durmir no piorno, e que soía pagar en parte con mel, que se usaba para alimentar os nenos, mezclándoa cos restos que quedaban de moer fariña de millo, é dicir, con esa fariña máis finiña, finiña, que só se podía aproveitar barréndoa. A súa casa era por aquel entón unha especie de hospedaxe. Di tamén que ás máis das veces o caldo con que se lles daba o xantar ou cea, non éra máis que auga con boliñas de fariña milla e ás veces, nin iso, só a fariña milla remexida na auga (debía ser algo así como unhas papas moi líquidas), e si estaba o meleiro por eses días, con algo de mel que él cedía para todos. Sen embargo dí que para aquel estón, fariña e mel non estaba mal de todo. Outras veces había touciño, ou peixe.
Conta o difícil que era todo...
Conta que cando unha casaba, ata pasado un mes do casamento, non se podía consumar...
¡ Canto cambiou esta parte da terra en 60 anos !

17/8/10

EN 1940

O dia 26 de Febreiro do 1940 afundeuse no lugar de Punta do Congro en Sanxenxo, un veleiro no cal iban 30 persoas de Vilalonga, na sua maioría mulleres e nenos, perecendo no desastre 23 personas. . .
Foi nunha das casas onde se instalaron as capelas ardentes para velar ás victimas que quixo o destino que se afundira o piso da vivenda caíndo en unión dos cadaveres, á parte baixa da habitación, resultando feridas catro das personas que estaban ali. . .

(Naufraxios nas Rias Baixas Lino J. Pazos)


CORTESÍA DE FERNANDO-NOVAPONTE

15/8/10

HISTORIA DAS TELLEIRAS II

A pleno sol do verán, unha chea de mulleres ía gabeando como podía as escaleiras furadas nas paredes, levando os "ladrillos" de barro en tinas, na cabeza, e protexendo esta soamende cun rollo de roupa.
Un xornalista do diario de Vigo "Galicia", tivo a ben dar un paseo pola fábrica de Guisasola na primaveira de 1924, disposto a facer un artigo sobre aquel traballo malpagado, que tal era a sona. Velaquí o que escribeu:
"Alí vívese pouco menos que fóra do mundo. Para aqueles obreiros, especialmente para aquelas obreiras que traballan 12 ou 14 horas diarias por un xornal mesquiño, non existe lexislación moderna verbo da xornada, nin existe "Instituto de Reformas Sociales"....Operarios hai que traballan de sol a sol, semella que por necesidades de man de obra, pero sen que o pago de horas extraordinarias estexa en proporción coa tarefa realizada.....Ninguén se ten preocupado daqueles coitados, daquelas pobres mulleres que alí traballan e que para render a súa xornada teñen, moitas delas, que facer unha longa camiñada e que ao cabo da semana cobran arredor de dúas pesetas de xornal sen mantenza, logo de teren realizado unha faena dura, constante e traballosa, pola mesma esixencia das angueiras e pola desconsideración con que se lles trata"
Acababa dicindo o xornalista que había xa un tempo que visitara a Cerámica de Guisasola o que era deputado socialista, Teodomiro Menéndez, pero que se cadra estivera máis atento ó que lle puxeran na mesa daquel patrón considerado na zona pouco menos que un señor feudal que á ruín condición dos traballadores e traballadoras da súa
empresa e das súas barreiras.
 
 
 
AS BARREIRAS TEÑEN NOME DE MULLER - Dionisio Pereira

13/8/10

PARTE DA HISTORIA

Cando saía de Vilalonga un dos barcos de vapor, o  "Candal" cun cargamento de arxila para Bilbao, tocou nun dos baixíos cercanos ó balneario da Toxa e quedou varado.
EL HERALDO GALLEGO
 25-Dic. 1927

Haber si localizades as liñas

11/8/10

ROUBO EN VILALONGA

O pasado sábado roubaron canto lles pareceu válido no chalé que o que dín "notario da Obregón", ten na zona de Rouxique, é que nos veráns pode admirarse parte del por o enorme ventanal que ten cara abaixo. O caso é que se largaron no propio coche do dono, un Mercedes de alta gama, un GL 240 cun custe no mercado de máis de 60000 €, xoias, ordenadores... e ata billetes de lotería.
A cuestión é que dentro apenas fixeron desperfectos, e o que chama a atención é que souberon en que momento estaba valeiro e accederon forzando unha ventá. Pénsase que foi á hora de comer, xa que ninguén se decatou.
Os da urbanización de Rouxique non se sorprenderon, xa que noutros anos xa houbo algún asalto, de feito falárase de pechar a urbanización, aínda que ó final non se fixo. Tamén houbo un residente ó que lle pareceu sospeitoso un vehiculo en días anteriores ó roubo, e mandara unha mensaxe a outros veciños avisando do asunto.
A Garda Civil de Sanxenxo, onde foi denunciado o roubo, está a investigar, polo que haberá que agardar si sae algúnha información máis.







9/8/10

HISTORIA DAS TELLEIRAS I


Seguramente poucos sabedes que foi de Vilalonga durante a represión do 1936, estas cousas non as ensinan na escola, como a historia de Exipto ou Grecia, (alomenos a min, naqueles tempos, nunca mo mencioaron).
Aló polo 36, existía o Sindicato de Oficios Varios de Vilalonga, que como o nome dí, era un sindicato que aglomeraba varios oficios, que dado que eran poucos membros do ramo, non podían facer un sindicato para cada sector.
Estaban moi influidos polo PCE (Partido Comunista de España), e fixeron denuncia a fináis de 1931 da situación tan miserable que os homes e mulleres tiñan que pasar nas lameiras de barro da Fábrica Guisasola. Según o sindicato, traballábase da mañá á noite, as mulleres ata a cintura ou máis na auga da mina e sacándoa con tinas. Dicían ademáis que o dono dábase a ver como unha persona xenerosa e sensible para cos que estaban en peor condición (os obreiros) pero que a verdade diaria era semellante á escravitude, con paus e humillacións, e o que era se cadra peor, aseguraban que aínda existía o dereito de pernada sobre todas as mulleres (nisto quedei de pedra, ¡cría que eso acabara na Idade Media!)
Tralo golpe militar do 36, coa patronal das barreiras comprometida cos sublevados, Vilalonga tamén tivo mortes. Na Xunca Branca aparecían varias persoas, (algún era obreiro da cerámica), "paseados" por falanxistas, e cóntase que un barco do barro foi transformado en barco da morte. O Sindicato de Oficios Varios de Vilalonga, formado na súa maioría por extremistas, fixera correr a voz por todos aqueles sitios que aínda se mantiñan á marxe, ideas moi distintas. Os dirixentes do sindicato e demáis persoaxes de certa relevancia na organización  deran orde de levantarse nunha folga revolucionaria, que se pecharan establecementos e se requisaran armas e munición, e así se fixo. Moito queda por anotar da historia do Sindicato de Oficios Varios de Vilalonga, que tivo a moitos dos seus afiliados condeados e como obxetivos de represión.
Os mestres, por exemplo, foi un sector no que se cebou a represión especialmente, dada a súa labor ensinante, e houbo mestres que foron retirados do traballo, ou rebaixados de nivel, como foi o caso de Estanislao Victor Torres Pérez, e Peregrina Martínez Santos, esta última de Rouxique. Peregrina, cos seus 21 anos foi xulgada por rebelión militar e sobreseído o caso provisionalmente, para finalmente ser retirada do servizo  e baixada de escalafón o 11-05-1940. Estanislao tiña 44 anos, foi xulgado polo mesmo e condeado a perpétua, sen embargo déronlle liberdade en 1940 e rebaixado de escalafón, no mesmo día que a mestra Peregrina.
Fose como fose, na Postguerra, a miseria sigueu sendo a nota destacada aquí como en todo o país: En 1949 gañaba unha barreira, 11 pesetas de xornal, que de aquela, viñan a ser, 2 Kg. de pan de millo.



  . DATOS TOMADOS DE:
PASAXES NA MEMORIA- Mª Elisa Franco Torres
AS BARREIRAS TEÑEN NOME DE MULLER - Dionisio Pereira